Saturday 18 de May de 2024

A Coruña acollerá a sexta edición do Festival Internacional de Cine Intersección do 16 ao 22 de outubro


O Concello reforza a súa aposta polo audiovisual co obxectivo de converter a cidade nun referente do sector

A Coruña acollerá, do 16 ao 22 de outubro, a sexta edición do Festival Internacional de Cine da Coruña – Intersección. O concelleiro Manuel Vázquez presentou esta mañá a programación e as datas deste acontecemento xunto co director do certame, Gonzalo E. Veloso.

“O Festival Intersección enmárcase dentro da política audiovisual do Goberno de Inés Rey por seguir a aposta para posicionar a nosa cidade como claro referente no mundo audiovisual”, sinalou Manuel Vázquez. No ano 2022 a cidade acolleu un total de 17 rodaxes e neste 2023 houbo xa 11, incluíndo importantes producións para multinacionais do sector.

“Intersección” é un evento que traerá as películas máis vangardistas e contemporáneas e novos formatos audiovisuais á cidade. Desde películas de cine de autor, ata traballos de realidade virtual e filmes xerados por intelixencia artificial. O evento ocupará este ano espazos emblemáticos da cidade como o Teatro Colón, a Filmoteca de Galicia, a sala de exposicións de Palexco ou a Fundación Luís Seoane.

“Intersección” contará con tres seccións competitivas: a Sección Internacional, con películas procedentes de máis de 20 países, a Sección Galicia, que se proxectará no Teatro Colón  porá o foco no talento local e a Sección Escolas, que presenta filmes realizados por alumnos e alumnas de escolas de Belas Artes de todo o país.

Ademais, o festival conta con seccións non competitivas, onde se integran a SecciónInmersiva, con obras de realidade virtual e videoxogos, así como focos e retrospectivas a cineastas de prestixio internacional. Este ano tamén se ofrece unha programación especial para o público infantil. Ademais, a inclusión social estará presente no festival cunha proxección titulada ‘Miradas Diversas A Coruña’, que nace dun obradoiro realizado na pasada primavera por artistas e persoas con diversidade funcional. Por último, apoiarase tamén o desenvolvemento artístico a través de “Intersección Lab”, un ambicioso programa de
formación e encontros profesionais para fomentar as redes dentro da industria audiovisual, no que participan máis de 20 cineastas e 15 profesionais.
“A Coruña camiña cara ao futuro na procura de indagar en novas linguaxes e situar o noso cinema á vangarda, e desde o Goberno de Inés Rey apoiaremos todo o que signifique seguir dando pasos neste sentido”, concluíu Vázquez.